4/12/2011

MON VASCO

Ramón Vasco Pardavila (Mon Vasco)

Escultor nado na Coruña en 1951 e falecido, na mesma cidade, en 1983. Pese a que o seu traballo comezou a ter unha maior difusión nos anos oitenta, a partir da súa inclusión no movemento Atlántica, o seu falecemento prematuro -con 32 anos- e o seu compromiso coas vangardas do momento obrigan a situa-lo seu  traballo no contexto dos anos setenta do século pasado, período no que, xunto Silverio Rivas, se converteu nun dos pioneiros da escultura abstracta en Galiza.


A morte dun dos seus irmáns, que se dedicaba ao debuxo e á talla, impresionouno fortemente cando aínda era un rapaz, co que decidiu iniciarse na escultura a partir dese momento. Para iso ingresou na Escola de Artes e Oficios da coruña, onde empezou a formarse en talla e madeira e, a principios dos anos setenta, a Fundación Juan March concedeulle unha bolsa de estudos para coñece-la escultura africana. Interesado polas teses que mantiñan que en África podía situarse o berce da humanidade, e que naquel momento sostiñan numerosos antropólogos e historiadores. MonVasco viaxou ao Senegal, Malí e Zambia. Coas influencias desta etapa traballou a madeira (sobre todo exótica, como o ébano e o pau vermello) e iniciou así unha etapa na que, partido das composicións antropomórficas e zoomorfas, se foi achegando cada vez máis á abstración.
De volta a Galiza participa na fundación do colectivo A Carón. Trasládase a Eivissa, onde vive algún tempo antes de regresar definitivamente á Coruña. Entre 1976 e 1977 a súa traxectoria deu un xiro radical, pois optou por orientarse cara á ensamblaxe de pezas de corte xeométrico, abstraccións nas que se podía observar unha influencia clara de Eduardo Chillida. En 1978 fundou con outros artistas o grupo La Galga e a partir dese momento iniciou un cambio de rumbo no seu traballo, caracterizado agora pola fusión de pedra e o ferro e pola mezcla de elementos contrarios como a masa e o baleiro ou a superficie e o volume, unha linguaxe que trasladou ao formigón.
Algunhas das súas esculturas forman parte, entre outras, de coleccións como a do Museo de Belas Artes da Coruña; da Fundación Juan March, de madrid; do Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside, de Sada; do Museo Bello Piñeiro de Ferrol ou da colección de arte da Xunta de Galiza.


Das súas obras públicas destacan o monumento a Pedro Barrié de la Maza no aeoroporto coruñés de Alvedro, o monumento conmemorativo do Ano Internacional do Neno (1979) nos xardíns de Méndez Núñez ou o monumento do Paseo Marítimo enfronte a  Casa dos Peixes de A Coruña (1980).
Realizou exposicións individuais en varios puntos de Galiza, en Bilbao e Madrid, participou en colectivas, destacando sobre todo as mostras do grupo Atlántica en 1980.

Ningún comentario:

Publicar un comentario